O Concello de Bergondo continúa executando o seu plan de renovación de camiños por todo o municipio. Seguindo a folla de ruta marcada, o goberno local vén de sacar a licitación un proxecto valorado en 347.463 euros que inclúe o asfaltado dun total de 21 camiños.
A actuación, que está cofinanciada a través do Plan Único da Deputación da Coruña, inclúe o asfaltado de 5.167 metros de vías nas parroquias de Ouces, Lubre, Bergondo, Moruxo, Santa Marta, Rois, Vixoi e Guísamo.
Así, traballarase nos seguintes lugares: Silvoso, Tatín, de Dornas a Sada, San Cidre, Fiobre, de Fiobre a Montecelo, de Montecelo a Mariñán, no Casal Norte, no Casal Sur, Rois, Pisón, Baldomir, desde A Feira a Baldomir, A Brea, San Paio, Trasdoval, Vixoi, Pedras Blancas, da Campiña a Guinlle, e de Armuño ao Espírito Santo.
Ademais da renovación da plataforma, os traballos inclúen a limpeza das marxes da vía.
Desde o goberno local destacan que “imos renovando progresivamente os camiños que o necesitan, é un traballo continuo, e nas próximas semanas seguiremos sacando a licitación máis proxectos deste tipo”.