Segundo probas documentais, xa existía no ano 1138, cando era abade Frei Recendus. Tamén  hai constancia da súa existencia por un documento no que se relata o preito que mantiveron en 1140 os habitantes do concello co arcebispo de Compostela sobre os dereitos de pesca das augas do río Mandeo e a explotación das salinas da ría, que os composteláns non querían compartir con eles.

No ano 1256 foi posto baixo a protección do rei Alfonso X, e mais tarde baixo a dos Condes de Andrade, que fixeron reformas e ampliacións, do que son testemuña numerosos escudos pétreos e os porcos bravos esculpidos na igrexa.

No ano 1509, coa reforma ordeada polos Reis Católicos pasou a ser priorato dependente de San Martiño Pinario de Compostela.

Foi declarado Monumento histórico-artístico de carácter nacional no ano 1973.

Descrición:
Trátase dun antigo convento benedictino, do que actualmente se conserva en bo estado a igrexa, ainda que moi reformada. Presenta planta basilical de tres naves e tres ábsides. As naves están divididas en catro compartimentos, divididos por pilares con semicolumnas adosadas, que sosteñen os arcos apuntados.

Os ábsides están cubertos por bóvedas de cañón e de cuarto de esfera. A cuberta é de madeira a dúas augas.

As paredes da igrexa están sostidas por sólidos contrafortes e a fachada principal está adornada con arquivoltas semicirculares sobre columnas acodilladas. A porta do templo ten dous pares de columnas con capiteis de follas e con bases tóricas, que soportan un dobre arco abocinado, esculpido con axedrezado e relevos. Dúas ménsulas sosteñen o tímpano adornado somente cuns arcos de medio punto. A consecuencia dunha reforma perdeu a espadaña e o rosetón románico.

No presbiterio e no muro sur pódense ver dous interesantes sartegos medievais.

No seu tellado consérvase o emblema do xabarín, símbolo dos Andrade, familia que sufragou os gastos causados por un incendio do século XIV.

A capela de Santa Catalina, adosada ó muro sur, está datada entre os séculos XIV e XV. Presenta bóveda de crucería e columnas acodilladas. Conserva tamén sartegos medievais.

O claustro do mosteiro foi obxecto de rehabilitación parcial no ano 2004 por parte da Xunta de Galicia, despois de que a finais do s. XX comezasen as labores de limpeza do contorno do edificio, a cargo de varias escolas taller.