O Concello licita por preto de medio millón de euros dous proxectos para San Cidre e Santa Marta

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación dous proxectos valorados, en total, en preto de medio millón de euros, financiados con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña. Por unha banda, para mellorar os equipamentos da praza pública de Santa Marta; e, pola outra, para acondicionar as marxes de dúas estradas municipais en San Cidre e o acceso ao Mosteiro de San Salvador.

No caso de San Cidre, cun orzamento de 317.000 euros, prevese o acondicionamento das marxes de dúas estradas municipais e das inmediacións do Mosteiro de San Salvador. O obxectivo é mellorar a seguridade das persoas peóns, proporcionando un espazo transitable nas cunetas de seguridade proxectadas e, ademais, instalar unha nova rede de pluviais.

Así mesmo, acondicionarase a intersección de dous viais no contorno do cemiterio, mellorando o aparcadoiro existente e creando un espazo urbanizado accesible nesta zona. Neste punto, debido á maior afluencia e co obxectivo de reducir a velocidade do tráfico rodado, disporase dun pavimento de adoquíns prefabricados sobreelevado.

Na praza de Santa Marta, cun orzamento de 122.000 euros, o obxectivo é mellorar a zona dos xogos, ampliar os espazos de lecer, incrementar a seguridade dos elementos destinados ao público infantil e crear un entorno máis cómodo para familiares e acompañantes.

Os traballos permitirán instalar bancos, crear unha área de calistenia e unha nova zona de aparatos biosaudables, limpar a plataforma da praza e renovar o parque infantil, no que se instalarán novos xogos e se substituirá o pavimento actual por outro de cortiza de piñeiro, máis seguro.

Ambos contratos estarán en licitación no perfil do contratante municipal ata o próximo 29 de outubro.