
O Concello de Bergondo impulsou no ano 2023 este proxecto de sensibilización cidadá para a xustiza social, ao abeiro dos fondos do Pacto de Estado. Tras un piloto no que se creou de maneira colaborativa un banco pola igualdade, no outono do 2023 levouse a cabo a intervención sobre oito pezas máis do mobiliario urbano en colaboración coa artista local Iria Fafián. Os temas escollidos nesta ocasión son diversidade cultural, diversidade funcional, mocidade, infancia, defensa do medio ambiente, diversidade sexual, persoas maiores e saúde mental.
O deseño dos bancos realizouse de xeito colaborativo, partindo de obradoiros abertos nos que cidadanía deu ideas para a mensaxe, imaxe ou emprazamento destes elementos. Os obradoiros, organizados polo Departamento de servizos sociais, contaron ademais coa colaboración de entidades que traballan de maneira específica cos colectivos interpelados, xerando un vínculo con esa peza do mobiliario urbano e por extensión co territorio. Deste xeito, o soporte do banco convértese nun elemento comunicativo para sensibilizar a veciñanza sobre os dereitos de todas as persoas e reivindicar así unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria.

Os bancos deseñados foron:
- Igualdade: realizado en colaboración con diferentes mulleres do municipio. Instalado ao carón do edificio de Benestar Social.
- Infancia : realizado en colaboración co alumnado de 3ºE.P. do CPI Cruz do Sar e instalado no patio do CPI Cruz Do Sar.
- Mocidade: realizado en colaboración co alumnado de 3ºESO do CPI Cruz do Sar e instalado no patio do CPI Cruz Do Sar.
- Persoas maiores: realizado en colaboración co grupo da actividade de estimulación da memoria da parroquia de Lubre en colaboración co monitorado das actividades de envellecemento activo. Instalado ao carón do centro social de Lubre María Fernández Sánchez “Maruxa do Chelo”.
- Diversidade sexual : realizado en colaboración co clube de lectura LGTBIQ+ As Mariñas, ademáis contamos co grupo de expertos da Asociación Alas Coruña. Instalado na praia de Gandarío, Ouces.
- Diversidade cultural: realizado en colaboración co grupo da actividade de saudablemente da parroquia de Bergondo. Contamos co apoio da ONG Mestura de Culleredo e da ONG Sen Valos de A Coruña. Instalado no centro social de Cortiñán Josefa Crespo Veiga “Fina a costureira”.
- Diversidade funcional : realizado en colaboración co Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo (CPAP), persoas participantes no proxecto de ocio dirixido a persoas con diversidade funcional Universo Diverso do Concello de Bergondo. Instalado na Praia do Regueiro, Fiobre.
- Saúde mental : realizado en colaboración co grupo da actividade de saudablemente da parroquia de Ouces. Cóntase co apoio da Asociación TP Galicia. Instalado no centro de saúde de Guísamo.
- Medio ambiente: Realizado nun grupo aberto no que participaron diferentes veciñas veciños. Instalado Centro social de Santa Marta de Babío, Xabiela Fraga Sánchez.
- Lectura: Banco realizado como creación libre por Iria Fafián. Instalado no centro social de Vixoi Luísa Viqueira Landa.
O proxecto finalizou en decembro de 2023 coa presentación, no edificio A Senra, de todos os bancos intervidos nun acto aberto a todos os públicos. Ao acto asistiron os colectivos implicados no seu deseño, as entidades que colaboraron nos obradoiros colaborativos, veciños e veciñas.
- Facendo clic no nome do banco redirecciona á súa ubicación
- Ligazón ao vídeo do proxecto: https://youtu.be/nW93DVln148?si=yGBaBFbZZj4bAmYb
- Ligazón a toda a galería de fotografias e vídeos en Drive: https://drive.google.com/drive/folders/1KRKvsfoE6qVqpQawsLeROl3naP896ofX?usp=sharing
