Iníciase baixo o viaduto do Miodelo da autoestrada do Atlántico, antes de que esta atravese a ría de Betanzos e discorre en paralelo á ría alcanzando a ter moi boas vistas panorámicas sobre ela e a súa contorna, así como ecosistemas de marisma e de bosque de ribeira, dentro da ZEC Ría de Betanzos-Mandeo, espazo natural da Rede Natura 2000, unha rede de espazos naturais que procura a conservación dos hábitats e especies máis ameazadas de Europa. Ademais é zona núcleo da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
É tamén un bo lugar para a observación de aves acuáticas que teñen no ría de Betanzos un lugar de descanso e alimentación.
Ao principio da ruta pódense ver os restos do antigo porto de Miodelo con forte compoñente etnográfica, pois aquí os patexeiros tiñan unha parada na súa ruta pola ría para descargar o patexo que se empregaba como abono nas terras de labor próximas.
Ao longo da ruta atopamos varios espazos que foron obxecto de restauración ambiental polo Proxecto Life Fluvial, un proxecto ambiental de carácter internacional, co fin de recuperar os valores ambientais deste importante espazo natural do noso concello.
Ao longo desta ruta poderás atopar paneis con información medioambiental e sobre a actuación de recuperación levada a cabo:
(GAL)
(CAST)