O pleno de Bergondo dá luz verde á modificicación puntual de San Cidre

O pleno municipal do Concello de Bergondo, celebrado hoxe ás 19:00 horas na Casa da Cultura, deu luz verde á aprobación provisional, cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE e AV), coa abstención do PP e o voto en contra do BNG, da modificación puntual das súas normas subsidiarias, que se corresponde ao núcleo de San Cidre, na parroquia de Bergondo.

Esta modificación nace na necesidade de reforzar e completar o desenvolvemento urbanístico deste núcleo central de Bergondo, dotándoo de equipamentos, espazo comercial, zonas verdes e mellorando o seu trazado vial, ademais de propoñer un novo modelo de vivenda que dá resposta ás necesidades actuais.

O obxectivo é reforzar e completar a trama urbanística de San Cidre dentro do sistema de centralidades de Bergondo, así como dotar de maior densidade residencial e actividade económica á contorna, mellorar a mobilidade e accesibilidade e integrar este espazo público.

O Concello logrará con esta operación unha reorganización do espazo. A nivel de equipamentos crearase un parque verde co triplo de superficie que o actual que servirá tanto de zona verde de proximidade, como de referencia de lecer e deporte para o conxunto da poboación. Ademais, gañarase un inmoble municipal para o que o Concello definirá posteriormente os servizos que albergará.

Para completar as edificacións existentes destínanse tres zonas que teñen unha edificabilidade de 3.332,34 m², equivalentes a unhas 55 vivendas. Para aumentar a eficiencia na ocupación do chan e adaptándose ás demandas actuais propóñense vivendas colectivas en altura con posibilidade de baixos comerciais.

En canto aos usos terciarios, exponse a creación dunha superficie comercial de 5.348,29 metros cadrados, á beira da estrada AC-164 e detrás da Policía Local e os xulgados, para a instalación dun supermercado. Unha infraestrutura moi demandada debido á inexistencia de zonas comerciais en Bergondo e que ademais xeraría postos de traballo directos no municipio.

Resérvanse 2.659 metros cadrados de espazo libre lindeiros ao centro de saúde e ás instalacións deportivas destinados a parques, xardíns ou áreas de lecer co obxectivo de lograr a centralidade dos espazos públicos e potenciar as sinerxias propias entre os distintos usos.

En canto á mobilidade, ademais de reservar espazo para aparcamentos, recóllese un ramal de acceso da AC-164, que mellora a accesibilidade á zona de equipamentos, de maneira que desde a rotonda poida accederse polo novo ramal e logo conectar coa AC-162. Doutra banda, o vial existente ao carón da cafetería Vos Condes, manterase como peonil e de acceso a vivendas, para que o tráfico rodado concéntrese desde a AC-162 e o novo ramal de acceso. Mentres, o vial de acceso ao Concello integrarase nos terreos destinados a equipamento, eliminando o acceso directo á AC-164.

Ademais, tamén se aprobou, co voto a favor do grupo de goberno, co voto en contra do PP e a abstención BNG a Conta Xeral do Concello de Bergondo correspondente ao ano 2023.