O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu a Xunta Local de Seguridade de Bergondo xunto coa alcaldesa, Alejandra Pérez Márquez, na que se analizaron os principais indicadores de seguridade cidadá no concello.
Na xuntanza púxose de manifesto a evolución positiva da seguridade cidadá no municipio. A taxa de criminalidade en Bergondo sitúase en 33,64 delitos por cada mil habitantes, unha cifra inferior á media provincial, galega e estatal, sendo Galicia a terceira comunidade máis segura de España. Segundo a Estatística de Seguridade de 2025, rexístrase un descenso xeneralizado da delincuencia, baixando tanto os delitos graves e menos graves como os leves, así como o conxunto das infraccións penais.
Durante a reunión tamén se analizou o desenvolvemento do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. No caso de Bergondo, a Garda Civil realizou 12 actividades, das que se beneficiaron 268 persoas, tratando cuestións como o uso seguro das TIC e a ciberseguridade, a violencia de xénero e a protección legal dos datos persoais. As accións relacionadas coa violencia de xénero impartíronse de maneira conxunta coa técnica do CIM de Coirós.
Loita contra a violencia de xénero
No ámbito da loita contra a violencia de xénero, o subdelegado puxo en valor a adhesión do Concello de Bergondo ao sistema VioGén, do que forman parte xa 30 concellos da provincia. Na Coruña contabilízanse actualmente 2.773 casos activos, o que fai “imprescindible manter e reforzar os recursos de prevención e atención ás vítimas”.
O subdelegado destacou especialmente a importancia do programa VioGén como ferramenta clave para a protección integral das vítimas, ao permitir unha avaliación permanente do risco, un seguimento personalizado e unha resposta rápida ante calquera situación de perigo. Neste ámbito, subliñou tamén a colaboración e coordinación constante entre a Garda Civil e a Policía Local, unha cooperación que resulta esencial para crear un espazo de seguridade para as vítimas de violencia de xénero, garantir unha atención eficaz, próxima e continuada.
Neste sentido, Bergondo recibiu desde 2018 un total de 75.494,75 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, destinados a accións de prevención, sensibilización e mellora da atención. Só no ano 2025, o importe ascendeu a 12.581,88 euros.