O Concello de Bergondo finalizou o proxecto de acondicionamento e recuperación ambiental dunha parcela do polígono industrial, creando un bosque atlántico de uso público que foi bautizado como Bosque Atlántico de Cerveiros, usando o topónimo polo que era coñecida historicamente esta zona.
Trátase dunha actuación enmarcada dentro da estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e contou cun orzamento de 65.803 euros, financiado cunha axuda da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a directora de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Paula Uría; e o xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López, visitaron hoxe este novo espazo verde acompañados doutros membros do goberno local.
A través deste proxecto o Concello converteu a parcela nun pulmón verde no que se combinan recuperación ambiental, biodiversidade e usos sociais. Os traballos que se levaron a cabo consistiron en:
Eliminación de especies exóticas invasoras e recuperación de vexetación autóctona propia do bosque atlántico.
Restauración ecolóxica do terreo para favorecer a presenza de fauna local e polinizadores.
Creación de espazos de lecer e educación ambiental, con sendeiros adaptados, zonas de observación e áreas de descanso.
Mellora da paisaxe do polígono, xerando unha contorna máis amable que favoreza a convivencia entre actividade industrial e medio natural.
O obxectivo era incrementar a calidade ambiental do municipio e reforzar a conexión ecolóxica entre as áreas naturais da contorna, a ría e o tecido urbano e industrial.
Desde o goberno local destacan que este proxecto supón unha aposta clara pola transición ecolóxica, a mellora paisaxística e o benestar de toda a veciñanza de Bergondo. O Bosque Atlántico de Cerveiros é un espazo accesible, pensado para o goce de familias, centros educativos, traballadores do polígono e visitantes, e permite avanzar cara a un modelo de municipio máis sostible e equilibrado.