O Concello finaliza o asfaltado de catro rúas do polígono industrial

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo finalizou as obras de renovación do firme en catro rúas do polígono industrial. O proxecto contou cun orzamento de 153.782,53 euros e recibiu unha subvención da Xunta de Galicia para facer investimentos nos parques empresariais.

Hoxe, mércores 17 de decembro, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a delegada territorial da Xunta, Belén Docampo, e outros membros da corporación municipal, comprobaron o resultado dos traballos, que se levaron a cabo nas rúas Parroquia de Guísamo, Parroquia de Vixoi, Parroquia de Lubre e Parroquia de Cortiñán.

O obxectivo era mellorar as condicións de circulación e seguridade nunha zona clave para a economía local, na que se concentran numerosas empresas e onde o tráfico pesado é constante. A intervención centrouse exclusivamente na renovación superficial do pavimento xa que os informes técnicos non detectaron danos estruturais no firme.

Desde o goberno local destacan que “o Polígono de Bergondo é unha infraestrutura estratéxica para o municipio, tanto polo volume de emprego que xera como polo seu papel no tecido económico comarcal” e por iso “desde o Concello apostamos pola mellora continua das súas infraestruturas e servizos, como neste caso”.