O Concello de Bergondo regula as lumeiradas de San Xoán 2025 para garantir a seguridade e a convivencia cidadá

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

Con motivo da celebración das tradicionais festas de San Xoán, o Concello de Bergondo vén de emitir un bando no que se recollen as normas para a realización de lumeiradas, sardiñadas e barbacoas, co obxectivo de garantir un festexo seguro, respectuoso e ordenado.

O horario autorizado para as lumeiradas será desde as 20:00 horas do luns 23 de xuño ata as 04:00 horas do martes 24 de xuño. Na praia de Gandarío permitirase un máximo de 50 lumeiradas e na do Pedrido un máximo de 10, dando prioridade ás persoas empadroadas no concello. Para poder facer unha lumeirada será necesario solicitar autorización previa, que deberá tramitarse antes das 15:00 horas do 22 de xuño.

O Concello lembra que todas as lumeiradas deberán cumprir coas condicións fixadas polos servizos de seguridade, como a altura máxima de 3 metros, a distancia mínima de 15 metros respecto a elementos sensibles como vehículos ou vivendas, e a prohibición de empregar materiais perigosos ou acelerantes. Ademais, queda expresamente prohibido facer lume nas praias da Cabana e do Regueiro, así como utilizar equipos de son de gran potencia ou instalar tendas de campaña e toldos.

Para garantir a seguridade durante a noite, a estrada dende a rotonda ata o final da praia de Gandarío permanecerá pechada ao tráfico entre as 22:00 e as 02:00 horas.

As persoas que celebren actos en espazos privados tamén deberán comunicar ao Concello a realización de lumeiradas ou eventos similares, indicando os datos da persoa responsable e o lugar da actividade.

O Concello fai un chamamento á colaboración cidadá para que as festas se desenvolvan con responsabilidade, seguridade e respecto polo entorno. A Policía Local e Protección Civil vixiarán o cumprimento da normativa e poderán adoptar as medidas necesarias en caso de incumprimento.

BANDO COMPLETO

Descarga aquí a túa solicitude:

Comunicación de lumeiradas en vivendas particulares.

Solicitude lumeiradas nas praias de Gandarío e O Pedrido.