O Concello de Bergondo organizou para o vindeiro mércores, 12 de agosto, unha xornada especial para contemplar a eclipse solar histórica que cruzará a península. Baixo o lema «Mira cara arriba», o goberno local convida a veciñanza a reunirse na contorna emblemática do Mosteiro de San Salvador de Bergondo para gozar en familia deste fenómeno astronómico único.
A actividade comezará a partir das 18 horas e está formulada como unha tarde interxeneracional para «aprender, xogar, crear e mirar ao ceo como nunca antes». Deste xeito, a proposta municipal busca axuntar ciencia, lecer e comunidade nun espazo patrimonial de referencia no municipio, ofrecendo unha contorna privilexiada e despexada para a observación.
Co obxectivo de garantir a máxima seguridade ocular durante o evento, o Concello entregará de forma gratuíta lentes de observación especiais a todas as persoas inscritas, ata esgotar existencias. Ademais, recoméndase levar cadeiras, merenda, roupa de abrigo…
Para participar será imprescindible realizar reserva previa. O prazo de inscrición estará aberto do 5 ao 11 de agosto. As familias interesadas en asistir deberán formalizar a súa solicitude enviando un correo electrónico a cultura.deportes@bergondo.gal, indicando os datos de contacto e o número de asistentes.