Veciñanza e Concello reclaman unha alternativa xusta ao proxecto de supresión do baipás de Infesta

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo, xunto coa veciñanza afectada, manifestou hoxe o seu rexeitamento ao proxecto actual do Ministerio de Transportes para o ramal de conexión entre as liñas León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol, que suporía a supresión do baipás de Infesta.

Durante a manifestación, as arredor de 50 persoas participantes —entre veciños, veciñas e representantes de todos os grupos da corporación municipal, agás o BNG— cortaron puntualmente a estrada DP-0105, parapetados tras unha pancarta co lema “Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila”.

No acto púxose de manifesto a unidade do Concello e da cidadanía en defensa dunha alternativa máis sensata, máis económica e máis xusta, que minimice o impacto sobre o territorio e as vivendas da parroquia de Cortiñán.

“Non estamos en contra da mellora das comunicacións ferroviarias, pero non vemos o beneficio común por ningún lado, nin para Cortiñán nin para Bergondo”, explicou a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez. “Isto sería un parche para aforrar seis minutos, pero o que hai que preguntarse é que futuro ten o transporte cara a Ferrol?”, cuestionou.

O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, salientou que “estamos nesta loita cos veciños, sobre todo cos máis afectados. Vaise facer un destrozo terrible e, en cambio, a alternativa que nós presentamos era máis razoable”.

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Manuel Fafián, mostrou o seu “apoio a estas reivindicacións para que os veciños teñan un bo futuro e evitar fragmentar máis o Concello. Cremos que é moi necesario que as infraestruturas que se fagan non afecten, na medida do posible, ás persoas”.

O goberno local lembra que xa presentou un recurso ante o Ministerio de Transportes tras rexeitarse a súa proposta, a coñecida como alternativa 5S, que propón unha modificación técnica e económica máis sostible, afastando o trazado das vivendas e reducindo as expropiacións.

O Concello agradeceu a asistencia e a implicación dos veciños e veciñas de Cortiñán e doutras parroquias, así como o apoio de toda a corporación municipal.

Antecedentes

O organismo estatal xustifica que a solución inicial “conta cun trazado que cumpre a normativa, non supón problemas futuros na explotación do ramal, non afecta directamente ningunha vivenda, edificación industrial nin instalación da subestación e ademais conta cun informe de impacto ambiental aprobado”.

Unha afirmación coa que o goberno local non está de acordo, pois considera que esta solución, denominada Alternativa 6, “afecta gravemente ás nosas veciñas e veciños, ao noso urbanismo e ao noso territorio”, mentres que a Alternativa 5S, proposta polo Concello, é “máis sensata, máis económica e máis xusta”.

O Concello presentou recentemente o seu recurso contra esta decisión, xa que entende que os argumentos expostos polo Ministerio non se corresponden coa realidade, pois “a solución proposta afecta gravemente ás nosas veciñas e veciños, ao urbanismo e ao territorio, sendo altamente prexudicial para unha zona concreta da parroquia de Cortiñán”.

Lembran que “aínda que a vía non pasa por riba de moitas vivendas, déixaas na zona de servidume do ferrocarril, atrapándoas e mutilando o urbanismo dunha área xa urbanizada, onde non se poderá construír nada no futuro”. “Están transformando ese solo en residual, con propiedades devaluadas ou directamente invendibles, algo que nin é lóxico, nin humano, nin politicamente admisible para esta administración”, afirman.

Alternativa 5S

A alternativa proposta polo Concello de Bergondo, denominada ‘5S’, supón unha adaptación dos trazados estudados nas alternativas 5 e 6 da administración estatal.
Recolle un primeiro tramo xa contemplado na alternativa 5, modificándoo economicamente ao trasladar o entrecruzamento coa vía existente para suprimir un primeiro viaduto innecesario sobre a estrada provincial; modifícase a continuación o trazado posterior; e, finalmente, entronca co último tramo estudado da alternativa 6.

“Parécenos máis sinxela, máis social, moito máis económica, con menos expropiacións, afastada da zona urbana e afectando só, e de forma pouco destacable, a unha área industrial”, explican.

Ademais de afastar o trazado das edificacións existentes, con esta solución redúcese considerablemente o número de viadutos.
Non sería necesario o primeiro viaduto sobre a estrada DP-0105, xa que a bifurcación da vía se realizaría uns metros máis adiante, en campo aberto.
Tan só na zona ocupada por Talleres Suárez e Loureda sería preciso proxectar un viaduto máis económico e tamén unha ponte para cruzar a N-VI.

O Concello conclúe que:

“Con esta solución non se deixan vivendas atrapadas na zona de servidume do ferrocarril, nin se expropian propiedades particulares, que tampouco se verían afectadas polo ruído do tren, xa que as actuacións se trasladan a áreas forestais ou industriais, protexendo así a tranquilidade dos fogares. É unha solución máis sensata, máis económica e máis xusta. O efecto é triplo: económico, de protección cidadá e de protección do territorio de Bergondo”.