Veciñanza e Concello esixen a retirada da torre de alta tensión do Mosteiro de San Salvador

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello e os veciños e veciñas de Bergondo realizaron hoxe nos exteriores do Mosteiro de Bergondo unha protesta pública para esixir que se retire de maneira definitiva a torre de alta tensión e se proceda ao soterramento da liña que discorre pola contorna deste Ben de Interese Cultural (BIC).

Durante a concentración, as arredor de 50 persoas participantes (entre veciños, veciñas e todos os grupos que forman a corporación municipal) reclamaron á compañía eléctrica propietaria da instalación, Naturgy, con mensaxes como “Esperpento, fóra do convento!”, que execute dunha vez por todas o soterramento da liña, situada nun lateral do recinto monástico, moi próxima ao histórico cruceiro, e que xera un altísimo impacto visual, degradando gravemente unha das xoias do patrimonio material bergondés.

Esta manifestación levouse a cabo mentres a compañía está a realizar traballos de reforma na torre de alta tensión, algo que para o goberno local é “incomprensible” e demostra que “están facendo caso omiso ás reiteradas solicitudes feitas desde o Concello nos últimos anos”. En lugar de destinar fondos a reformar unha instalación que ten un alto impacto visual deben acometer dunha vez por todas o soterramento da liña, afirman.

As persoas participantes na convocatoria esixiron unha solución definitiva que respecte e dignifique a contorna do Mosteiro de San Salvador, que neste 2026 celebra o seu 900 aniversario, motivo máis que suficiente para preservar un ben protexido e un monumento histórico de incalculable valor para a comunidade.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, comentou que “isto é unha demanda histórica do goberno local e dos diferentes grupos municipais, o feito de facelo nesta data ten que ver coa coincidencia dos 900 anos dun BIC como este onde, ata a persoa que está a encargarse das visitas guiadas, nos comentaba que xente que nunca viñera ata aquí se sorprendía de que esta torre estivese ao carón do convento”.

O primeiro tenente de alcalde, Juan Fariña, lembrou que “é un paso máis, un proceso que vén de atrás, non se iniciou agora. Sabendo que a sensibilidade de Naturgy con este asunto é nula consideramos que era o momento de dar un paso máis para manifestar o noso descontento con respecto a este asunto”.

O portavoz do Partido Popular, Manuel Fafián, lamentou que “unha infraestrutura de alcance como é un tendido eléctrico estea tan pegada a unha contorna tan bonita como esta”, e o portavoz do BNG, David Carro, destacou que “esta é unha vella reivindicación da veciñanza e do BNG, cunha iniciativa que se aprobou no pleno por unanimidade”.