O Mosteiro de San Salvador acollerá o vindeiro domingo 27 de setembro a celebración da V Romaría do Mosteiro. Esta cita festiva e de convivencia veciñal adquire este ano un carácter moi especial, xa que forma parte da ampla programación de actividades deseñada para conmemorar o 900 aniversario da fundación do cenobio.
A xornada, organizada pola UPA Bergondo co apoio institucional do Concello e a colaboración de Aniniproject e a Asociación Tantakuy, combinará tradición, gastronomía e música na contorna deste Ben de Interese Cultural.
A programación da romaría comezará ás 13:00 horas coa celebración da tradicional misa. A continuación, ás 13:45 horas, as persoas asistentes poderán desfrutar da sesión vermú, que servirá como antesala para o xantar popular previsto para as 14:30 horas. O menú principal, cun custo de 15 euros, incluirá callos, viño, pan, sobremesa e café. Ademais, a organización habilitará unha zona de bar e ofrecerá a posibilidade de adquirir choripán por 2,50 euros para quen prefira unha opción diferente.
Música e actividades para toda a familia
A tarde estará dedicada ao lecer familiar e á cultura. A partir das 16:00 horas organizaranse diversos xogos infantís para as crianzas. Media hora despois, ás 16:30 horas, a música clásica tomará o relevo cun concerto de solo de chelo a cargo da instrumentista Mar Rodríguez Villanueva. Durante a xornada de tarde tamén se levará a cabo un sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes na romaría.
O broche de ouro a esta quinta edición poñerao a música jazz. Ás 18:30 horas, o recinto histórico acollerá a actuación do Yolema Fernández Trio, pechando así unha completa xornada.
