Unha ducia de mulleres participa no primeiro taller do programa “En Bergondo coidamos”

  • Categoría da entrada:Social

Unha ducia de mulleres participou hoxe na primeira das actividades do programa de apoio psicolóxico para persoas coidadoras “En Bergondo Coidamos”, impulsado polo Concello de Bergondo.

Dúas profesionais da Fundación Mujeres impartiron esta mañá, no edificio da Senra, o primeiro dos talleres, enfocado na autoestima e o empoderamento deste colectivo. Durante o transcurso da actividade traballaron conceptos tan importantes como a autopercepción, dotando a estas mulleres coidadoras de ferramentas para analizar as súas emocións e comportamentos, sabendo como reaccionar ante cada un deles.

Proxecto En Bergondo Coidamos

Esta iniciativa está dirixido a mellorar o benestar do colectivo das persoas coidadoras. Nos seguintes talleres traballaranse conceptos como a xestión do tempo, o uso do móbil, a relaxación, a corresponsabilidade ou a saúde mental.

As actividades, gratuítas, desenvólvense no edificio da Senra e durarán ata xuño. Conta coa colaboración dun equipo de profesionais de asociacións especialistas neste ámbito: Fundación Mujeres, Afaco, Párkinson Galicia-Coruña e TP Galicia.

As persoas interesadas poden ampliar esta información no departamento de Sevizos Sociais do Concello, a través do teléfono 981 791 252 ext. 4 ou por correo electrónico serezabel.rodriguez@bergondo.gal. Tamén poden achegarse á oficina en horario de 8:30 a 15:00 horas de luns a venres á beira da casa do concello, dirección Estrada da Coruña, 12, Bergondo.