Reunión do Consello Escolar Municipal de Bergondo

O Concello de Bergondo celebrou hoxe, xoves 23 de outubro, unha nova sesión do Consello Escolar Municipal, un órgano de participación que reúne á comunidade educativa do municipio co obxectivo de analizar a situación dos centros e avanzar en propostas conxuntas para mellorar a calidade educativa.

Na reunión participaron representantes do CPI Cruz do Sar, CRA de Bergondo, Centro de Formación de Adultos (CFA) de Guísamo, CPAP de Fiobre, Escola Infantil Municipal, do alumnado e do profesorado, así como das ANPA As Mariñas e da recentemente creada Asociación de Familias “As Escoliñas” do CRA, que se presentou oficialmente neste encontro. Tamén estivo presente, por primeira vez, unha representación do CPAP de Fiobre, reforzando así a colaboración e coordinación entre todos os centros educativos.

No encontro, presidido pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e coa presenza da concelleira de Ensino, Patricia Vázquez, e da inspectora de Educación, abordáronse diversos temas de interese común, entre eles o incremento do alumnado con necesidades educativas especiais. Destacouse a importancia de seguir traballando en materia de inclusión e diversidade, un reto que require implicación tanto dos centros como das familias.

Por parte do CPAP, ofreceuse a posibilidade de establecer unha colaboración aínda máis estreita co resto dos centros do municipio, co fin de crear sinerxías e compartir recursos educativos.

Ademais, o CRA de Bergondo anunciou a celebración dunha xornada informativa cunha pediatra, que impartirá unha charla sobre o impacto negativo do uso excesivo das pantallas en idades temperás, unha problemática que preocupa especialmente á comunidade educativa.

O Consello Escolar Municipal reiterou o seu compromiso de continuar traballando conxuntamente en favor dunha educación inclusiva, participativa e de calidade para todas as nenas e nenos de Bergondo.