Reencontros, emoción e unha charla a través do Atlántico para celebrar o centenario da asociación que levantou A Senra

Xornada moi emotiva a vivida o sábado 29 de xuño na Senra para conmemorar o centenario da Asociación Centro de Instrución e Recreo de Bergondo e os seus Contornos, que se fundou en 1924 e que impulsou a construción do emblemático edificio.

Unha tarde para o recordo, marcada polos reencontros e os momentos emotivos e na que o momento estrela foi a conexión Bergondo-New York, que permitiu aos asistentes manter unha conversación cos descendentes do grupo de emigrantes bergondeses que enviaron fondos para comprar a finca na que hoxe se asenta A Senra e posteriormente levantar o edificio.

A xornada comezou ás 16 horas coa inauguración da área deportiva da Senra, unha actuación que contou cun orzamento de 737.000 euros, financiada con fondos municipais e con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, e a través da que se creou un espazo con pista de atletismo, bancadas, unha pista polideportiva, un auditorio, unha área de calistenia e zonas infantís. Ademais, esta obra permitiu remodelar a praza situada fronte ao edificio.

Logo, a partir das 18 horas, comezou o acto homenaxe co descubrimento, por parte da alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, dunha placa conmemorativa para logo, xa no salón de actos do edificio, realizar a videochamada con New York.

Alejandra Pérez Máquez quixo agradecer “a todas aquelas persoas que colaboraron en facer que A Senra sexa hoxe unha realidade”. Fixo un repaso á historia dun dos edificios máis emblemáticos do concello e todas aquelas dificultades que tiveron que superarse para chegar á situación actual. “Para que a través do deporte este espazo continúe a ser un símbolo de unión e solidariedade; o que sempre quixo a Asociación de Bergondo e os seus Contornos”, citou a rexedora, facendo mención ao texto da placa inaugural da área deportiva.

González Formoso aludiu “a un avance máis en facer Bergondo en facer unha vila para vivir, respectada e querida en toda a provincia”. “Galicia está chea de Senras: dunha emigración motivada pola necesidade máis básica, pero sen esquecer nunca a súa orixe e colaborando cos que quedaron aquí”.

O acto estivo conducido polo músico Pedro Lamas, que ademais actuou coa Agrupación de Música Tradicional de Bergondo, fundada recentemente polo mesmo e que aglutina a diferentes músicas e músicos do municipio. Amenizaron o acto e tamén participaron na clausura, que se levou a cabo no auditorio da área deportiva e na que tamén participaron Na Cerna do Son, un proxecto multiarterial sobre a emigración e a tradición.