O Concello de Bergondo organiza unha pílula formativa práctica para reforzar o voluntariado social
O Concello de Bergondo, a través do programa de Voluntariado Social municipal, organizará o vindeiro martes 14 de abril unha pílula formativa dirixida a persoas voluntarias e á cidadanía interesada en iniciarse no ámbito do voluntariado social.
A actividade desenvolverase no Edificio A Senra, en horario de 18:15 a 20:15 horas, e terá un carácter eminentemente práctico, orientado a dotar ás persoas participantes de ferramentas útiles para afrontar situacións reais que poden xurdir na acción voluntaria.
Durante a sesión realizarase unha breve introdución ao funcionamento dos servizos sociais municipais e ao papel do voluntariado como apoio e complemento á intervención profesional. Ademais, levaranse a cabo distintos obradoiros prácticos centrados en aspectos clave como a comunicación e a escoita activa, a xestión de situacións difíciles e a identificación de cando e a quen derivar determinadas situacións.
A formación rematará cun espazo de reflexión compartida para poñer en común aprendizaxes e reforzar competencias fundamentais para o acompañamento social.
Esta iniciativa busca fortalecer un voluntariado máis preparado, consciente e coordinado cos recursos públicos, contribuíndo así a mellorar a atención comunitaria e o apoio ás persoas.
A actividade está aberta ás persoas voluntarias dos servizos sociais de Bergondo e a todas aquelas persoas interesadas en participar ou iniciarse no voluntariado, sen necesidade de formación previa.
As inscricións poden realizarse:
- Chamando ao 981 79 12 52 (ext. 4)
- A través do correo electrónico: serezabel.rodriguez@bergondo.
gal - Mediante formulario en liña: https://forms.gle/
MvPF8nzcVT6ioXxS8