O XXIV Encontro dos Nosos Maiores de Bergondo reúne a 448 persoas

O pavillón do CPI Cruz do Sar acolleu hoxe a XXIV edición do Encontro dos Maiores do Concello de Bergondo, evento que reúne cada ano a centos de veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio que teñan 60 anos ou máis e ao que nesta edición asistiron 448 persoas.

A tradicional misa, que comezou ás 14:00 horas e contou nesta ocasión coas voces do coro Costumes, foi o punto de partida do evento. Ao acto relixioso seguiulle o xantar, no que os asistentes compartiron mesa e conversa nun ambiente festivo, e pola tarde unha actuación musical disposta polo Concello amenizou a xornada.

A festa estivo presidida pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, acompañada de diferentes membros da corporación. Houbo tamén tempo para as homenaxes aos máis lonxevos. As mulleres de maior idade asistentes foron Francisca Lamas Mallo, de Cortiñán, que fixo os 102 anos en abril, e Simona Montes Torres, de 94 anos e residente en Bergondiño. Por outra banda, a homenaxe ao home de máis idade asistente recaeu este ano en Adolfo Formoso Chouza, que ten 93 anos e cumpre os 94 en novembro.

Ademais, Alejandra Pérez Máquez quixo facer unha mención especial a unhas persoas que no seu momento foron membros moi activos da Asociación Centro de Instrución e Recreo de Bergondo e os seus Contornos, que se fundou en 1924 e que impulsou a construción do edificio da Senra: Antonio González Vázquez e Juan de Blanco (este último si participou hoxe no xantar), descendentes do grupo de emigrantes bergondeses, residentes en Nova York, que enviaron fondos para mercar a finca e crear o edificio. A rexedora tamén fixo referencia a Fernando Iglesias, outro membro moi activo da asociación que, por motivos de saúde, non puido estar presente no encontro.