O sábado 12 de setembro comeza a programación do ‘Outono Cultural’ de Bergondo

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Cultura

O Concello de Bergondo publicou a programación do seu ‘Outono Cultural’ para este ano 2026 na que hai monólogos, teatro, música, contacontos ou monicreques e que se realiza coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A axenda desenvolverase na Senra e no Mosteiro de San Salvador, que este ano celebra o seu 900 aniversario, e o acceso a todos os espectáculos é gratuíto, ata completar aforo.

A primeira función terá lugar este sábado, 12 de setembro, ás 18 horas. A obra de teatro ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro e Xarope Tulú representa “aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, de Manuel María. Tres anciás que están nunha residencia para a terceira idade atoparán a liberdade que crían perdida e a posibilidade de cambiar o mundo.

A programación continuará durante todos os sábados, ata o 12 de decembro, que finalizará co espectáculo de monicreques ‘O apalpador e as palabras perdidas’, de A Xanela do Maxín. Antes, o público bergondés poderá gozar da música folk da Quenlla; o teatro musical de Píscore con ‘ComedIA’; o contacontos ‘Contos de medo que deixan durmir’ de Caxoto; o concerto de Keilin & Vilariño; os monicreques de Galitoon con ‘Güela güela’; e a obra de teatro ‘Sophie non é meu nome de guerra’ de Redrum Teatro.

Descarga a programación completa

Carné teatreiro

Asistir ao ‘Outono Cultural’ ten premio. Este ano volveuse habilitar o coñecido como ‘Carné Teatreiro’, un carné para as actuacións teatrais ou musicais que organice o Concello. En determinadas funcións colocarase un selo no cartón e, unha vez se xunten catro, entregarase un bono por importe de 15 euros para realizar compras nos establecementos adheridos á campaña de promoción do comercio local ‘En Bergondo, mellor’.