O Concello de Bergondo, como institución, recibiu hoxe a visita das ‘Patrullas Verdes’, unha brigada de concienciación ambiental formada polo alumnado de 6º de primaria do CPI Cruz do Sar a través do proxecto ‘Futuro Verde’, promovido pola asociación EDUCO e cofinanciada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.
Os escolares visitaron a casa do concello e reuníronse coa alcaldesa Alejandra Pérez Máquez. Aproveitaron este encontro para coñecer como traballa o Concello para lograr un consumo de enerxía sostible e ampliar os seus coñecementos sobre a forma na que leva a cabo a reciclaxe no municipio.
Na reunión mostráronse moi participativos e expuxeron algunhas dúbidas que lles xera o sistema actual, dúbidas como que nas papeleiras individuais deposítense todos os residuos xuntos, sen que o cidadán teña posibilidade de separar. Tamén deixaron unha carta para o presidente do Consorcio As Mariñas e explicaron que, a través do traballo que levaron a cabo nas aulas durante todo o curso, detectaron no seu centro educativo diversas deficiencias en canto a aforro enerxético e limpeza. Destacaron por exemplo a perda de calor que se produce nos corredores debido á continua apertura das portas exteriores ou que en moitas ocasións hai luces que quedan acendidas en espazos que non se están utilizando. Tamén fixeron fincapé na importancia de mellorar a información que se dá á cidadanía sobre o servizo de recollida de residuos, co obxectivo de que sexa máis fácil separar adecuadamente o lixo.
A alcaldesa aproveitou a súa visita para explicarlles en detalle a obra de mellora da eficiencia enerxética que se levou a cabo recentemente na casa do concello, unha actuación global que permitiu mellorar a eficiencia enerxética do edificio, logrando un aforro económico e emitindo menos gases contaminantes.
Limpeza na praia de Gandarío
Tras a súa visita ao Concello, os integrantes de ‘Futuro Verde’ desprazáronse á praia de Gandarío para realizar unha limpeza do areal. Alí puideron retirar restos de residuos como botellas, envases e todo tipo de plásticos.
Doutra banda, o 28, 29 e 30 de maio participarán no I Encontro de Educación Transformadora para a Cidadanía Global e Aprendizaxe-Servizo, xunto con docentes e alumnado de catro comunidades autónomas (Andalucía, Cataluña, Galicia e Madrid). Será un espazo de convivencia no Escorial no que se compartirán experiencias e reflexión sobre o que supuxo o proceso de Aprendizaxe-Servizo para o alumnado participante.
