O Concello de Bergondo acaba de publicar as bases do VII Premio de Poesía Filomena Dato, quedando aberto o prazo para a presentación dos traballos. O certame chega a 2026 como un galardón xa consolidado no panorama cultural galego, contribuíndo á difusión do idioma e da súa literatura, á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do Rexurdimento: Filomena Dato.
As persoas que desexen participar no concurso deberán presentar os seus orixinais na Casa da Cultura do Concello e a data límite de entrega será o 31 de xullo de 2026. Tras as deliberacións do xurado, o ditame e a entrega do galardón ao vencedor ou vencedora terán lugar antes do 31 de outubro, coa presenza do autor ou autora da obra distinguida.
O premio, ao que poden presentarse libros de poesía inéditos e escritos en galego cunha extensión non inferior aos 500 versos, ten unha dotación económica de 2.500 euros. A maiores, o poemario gañador pasará a ser publicado pola editorial Apiario na súa colección de poesía ‘Filomena Dato’.
Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación lírica en galego. Desde o goberno local destacan “a traxectoria deste certame que, na súa sétima edición, segue a ser un referente para impulsar a creación poética na nosa lingua e manter vivo o legado de Filomena Dato”. Ademais subliñan “o altísimo nivel e a gran implicación das persoas participantes en anos anteriores, o que nos fai prever unha nova edición chea de talento e obras de enorme calidade”.
2026: Ano Filomena Dato
Escritora e fervente feminista galega, Filomena Dato Muruais (1856-1926) é unha das figuras menos coñecidas do movemento literario máis importante da historia do galego, o Rexurdimento; aínda que iso non implique unha menor calidade literaria. Co obxectivo de dar a coñecer a súa figura, o Concello dedica o 2026 a Dato Muruais, xunto con Alejandro Pérez Lugín.