O pleno do Concello aproba o Plan Económico-financeiro 2025/2026

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

O pleno do Concello de Bergondo aprobou (cos votos favorables do PSOE e de Alternativa dos Veciños e coa abstención do PP e do BNG)  na sesión celebrada hoxe, o Plan Económico-financeiro de cara aos anos 2025 e 2026. Isto faise por cumprir unha obriga legal, como expuxo a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, xa que a lei esixe aprobar un documento coma este se o Concello excedeu a regra de gasto no exercicio anterior.

Proba de que se trata dunha esixencia é que este plan non recolle ningunha medida a adoptar, pois a situación das contas do Concello é boa, cun remanente líquido de tesourería que supera os 7 millóns de euros.

Aprobouse tamén, por unanimidade, un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá o pago de varias facturas pendentes por subministracións. Ademais, deuse luz verde (cos votos a favor de PSOE e AV e a abstención de PP e BNG) a un suplemento de crédito e crédito extraordinario que permitirá levar a cabo novos investimentos no concello por valor de máis de 905.000 euros.

Outro punto destacado foi a actualización do padrón de usuarios do servizo de subministración de auga potable, rede de saneamento e depuración de augas a data de 31 de decembro de 2024. Esta actualización, que saíu adiante por unanimidade, é necesaria para a correcta xestión dos recursos hídricos e para garantir un servizo eficiente e adaptado ás necesidades da poboación.

Tamén se aprobou unha modificación no proxecto de acondicionamento das marxes da travesía de San Cidre e do acceso ao mosteiro de San Salvador, incluído no Plan de Obras e Servizos (POS) 2024. Con este axuste, preténdese optimizar os traballos previstos, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade nunha zona de gran valor patrimonial e turístico. Todos os grupos votaron favorablemente á proposta.

O pleno ao completo ratificou a resolución da Alcaldía en relación co persoamento e encomenda de defensa nun recurso contencioso-administrativo, garantindo así a defensa dos intereses municipais ante os tribunais.

Ademais, tamén se deu conta de diferentes asuntos, como a liquidación do orzamento do 2024, os reparos de intervención do exercicio anterior, do informe de control interno, do informe de avaliación de cumprimento de obxectivos resultado do subministro de información correspondente ao 4º trimestre do 2024, e de asuntos relacionados co Consorcio As Mariñas.

Finalmente debatéronse diversas mocións e respostouse aos rogos e preguntas formuladas polos grupos da oposición.