O Pleno de Bergondo fixa como festivos locais de 2026 o martes de Entroido e o 17 de agosto

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

Este xoves, 31 de xullo, celebrouse a sesión ordinaria do pleno do Concello de Bergondo correspondente ao mes de xullo. Ao longo da xornada abordáronse diversos asuntos de xestión municipal, planificación urbanística e propostas dos grupos políticos.

Os seis primeiros puntos da orde do día consistiron en dacións de conta da Alcaldía. Neles informouse sobre a execución orzamentaria de 2025, o cumprimento da Lei de Morosidade e o período medio de pago a provedores, así como sobre o proxecto refundido da obra de rehabilitación enerxética do edificio de Servizos Sociais.

Un dos asuntos destacados foi a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2024, que saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno (PSOE e AV) e os votos en contra do PP e do BNG.

Tamén se aprobou un suplemento de crédito por valor de algo máis de 72.000 euros para financiar un proxecto de asfaltados incluído no Plan Único da Deputación da Coruña para 2024. En relación co POS Adicional 2025, deuse luz verde á inclusión do proxecto de ampliación da rede de saneamento en Fiobre. Así mesmo, modificouse o proxecto de mellora de camiños con aglomerado nas parroquias de Ouces, Lubre, Bergondo, Moruxo, Babío, Rois, Vixoi e Guísamo.

O pleno acordou tamén, por unanimidade, fixar como días festivos locais para 2026 o 17 de febreiro (martes de Entroido) e o 17 de agosto, dado que San Xoán será festivo autonómico.

No apartado das mocións, aprobáronse as presentadas por AV (relativa á Vía Ártabra) e dúas do BNG: unha sobre a creación dun local de ensaio para grupos musicais e outra, modificada por emendas do PSOE e AV, sobre a renovación da praza de Guísamo e o seu entorno — previa emenda do PSOE e de AV —.

Por último, tratáronse dúas mocións por razón de urxencia. A primeira, relativa á novena modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento, en relación co polígono de San Cidre, foi aprobada cos votos do grupo de goberno. A segunda, en resposta a un requirimento do Tribunal de Contas, aprobouse por unanimidade.