O pleno de Bergondo dá luz verde á primeira ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi

O pleno do Concello de Bergondo, reunido hoxe ás 20:00 horas en sesión ordinaria, deu luz verde á primeira ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi en Bergondo. A iniciativa saíu adiante por unanimidade.

Este documento contempla, entre outras cuestións, as normas xerais a seguir, o réxime xurídico da actividade (incluíndo normativa sobre títulos habilitantes, vehículos afectos ás licencias e persoas condutoras e persoal asalariado), prestación do servizo (onde se recollen temas como as tarifas, a concertación do servizo ou os dereitos e deberes das persoas usuarias), réxime sancionador e áreas de prestación conxunta.

Tras conseguir esta aprobación inicial, ábrese agora un período de 30 días de exposición pública no que calquera persoa poderá presentar alegacións para tratar de mellorar o texto, incluíndo ou modificando aspectos que redunden nunha normativa máis segura e de mellor calidade.

En paralelo, tamén se aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal do servizo de taxi. Esta actuación responde á necesidade de adecuar as tarifas vixentes, que datan do ano 1989, á normativa actual, asegurando o equilibrio entre o importe da taxa e o custo do servizo.

A nova ordenanza establece unha serie de tarifas fixas para a concesión, expedición e suspensión de licenzas de taxi, que ascenderán a 700 euros. As substitucións de vehículos e o visado de títulos habilitantes terán un custo de 35 euros. Este cambio ten como obxectivo actualizar e modernizar a regulación local, garantindo unha xestión máis eficiente e equitativa deste servizo de transporte público.

Outros asuntos

Noutra orde de cuestións, o pleno comezou coa toma de posesión como concelleiro do BNG de Miguel Ángel Nogueira. A continuación, deuse conta da resolución da alcaldía pola que se aproba o proxecto modificado de acondicionamento de marxes da estrada entre Miodelo e San Fiz de Vixoi ata a CP-0801, incluído no POS+ Adicional 2024.

Deuse conta doutra resolución de Alcaldía, nesta caso relativa ao POS+ 2024 para aprobar o proxecto corrixido de mellora do centro cívico de San Xoán. Modificouse tamén a ordenanza fiscal reguladora do IBI, que se aprobou tamén por unanimidade.

Aprobouse a moción do BNG (cunha emenda de substitución do PSOE) para a promoción e posta en valor do sector da panadería, repostería e confeitaría do municipio. A iniciativa saíu adiante por unanimidade. Por último, aprobouse unha moción de urxencia proposta pola Alcaldía (por unanimidade) para sacar adiante a aprobación definitiva da quinta fase do Plan de Saneamento Municipal. Isto supuxo a aprobación definitiva dos proxectos de saneamento da Brea e San Paio así como de Fiobre.