O pleno de Bergondo dá luz verde a diversos trámites en proxectos clave para o municipio

O Pleno do Concello de Bergondo abordou na súa última sesión plenaria, celebrada hoxe, diversos asuntos de relevancia para o desenvolvemento urbanístico e social do municipio.

Entre os temas tratados destacou a modificación puntual número nove das Normas Subsidiarias de Planeamento no ámbito do polígono de San Cidre, que contou cos votos favorables do PSOE e de Alternativa dos Veciños, o rexeitamento do BNG e a abstención do PP. A pesar do importante atraso acumulado, dende o goberno local confían en que o proceso continúe avanzando nas mellores condicións posibles. Tamén se deu luz verde ao cambio de uso dotacional público no ámbito do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Río Maior, coa aprobación por parte do PSOE, AV e PP, mentres que o BNG votou en contra. Este proxecto tamén acumula demoras, pero o Concello espera que poida progresar con normalidade.

En relación cos investimentos en infraestruturas, aprobouse por unanimidade o proxecto modificado de melloras na praza pública de Santa Marta de Babío, incluído no POS+2023, que supón unha simplificación de elementos. Do mesmo xeito, aprobouse tamén por unanimidade o proxecto modificado para a renovación de beirarrúas, redes de saneamento, abastecemento e outros servizos na estrada AC-162 ao seu paso pola Lagoa, na parroquia de Ouces, actuación incluída no POS+2025.

No ámbito social, aprobouse por unanimidade a moción presentada por Alternativa Veciñal para a creación dunha residencia para maiores en Bergondo, aínda que se rexeitou unha enmenda engádega do BNG. Respecto ao persoal municipal, a moción do BNG sobre melloras nas súas condicións laborais foi apoiada polo propio BNG e polo PP, mentres que o PSOE e AV optaron pola abstención. Por último, a moción presentada polo PP sobre o financiamento do sistema de atención á dependencia foi aprobada cos votos favorables do PP, BNG e AV, mentres que o PSOE se abstivo.