O Concello de Bergondo deu luz verde ao POS 2025 da Deputación da Coruña, o que suporá un paquete de investimento de máis de 900.000 euros.
A proposta do goberno local, que saíu adiante cos votos favorables de PSOE, AV e BNG e coa abstención do PP, inclúe proxectos estratéxicos para Bergondo, que son: a execución de regas asfálticas nas parroquias de Lubre, San Salvador de Bergondo, Vixoi e Rois, cun orzamento de 202.095,99 euros; a rehabilitación enerxética e outras actuacións no edificio municipal de Servizos Sociais, cun investimento de 225.348,58 euros e a renovación de beirarrúas, redes de saneamento, abastecemento e outros servizos na AC-162, na Lagoa (Ouces), cun presuposto de 500.373,22 euros.
No caso das regas asfálticas, cabe destacar que o plan de actuación abarca 7,84 quilómetros de vías, dos cales 5,41 están na parroquia de Lubre, que será a máis beneficiada por esta iniciativa.
Ademais, destinaranse 56.944,25 euros a gastos sociais extraordinarios (axudas de emerxencia social e SAF básico, baseándose nun informe das traballadoras sociais municipais) e 97.618,71 euros a sufragar gasto corrente, no marco do POS Adicional 2025. Ambas as dúas propostas foron aprobadas por unanimidade.
Tamén se aprobou no pleno as expropiacións necesarias para que continúe adiante a quinta fase do plan de saneamento municipal, que prevé dúas obras en Fiobre e na Brea (Guísamo). Este novo desenvolvemento ten previsto un orzamento de preto de 300.000 euros. A iniciativa saíu adiante por unanimidade.
Por último, aprobouse por unanimidade un asunto urxente relacionado coa solicitude dunha subvención para contratar persoal para realizar actividades de orientación laboral, en colaboración co Concello de Abegondo.