O pleno do Concello de Bergondo aprobou hoxe o orzamento municipal, cos votos favorables do grupo de goberno (PSOE e AV) e en contra do PP e do BNG, para o exercicio 2025, que ascende a 9.413.752,33 euros, un 13% máis que o ano anterior. Este incremento permitirá impulsar proxectos clave que buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza, reforzar os servizos esenciais e avanzar cara a un modelo máis sostible e inclusivo.
O documento económico mantén o equilibrio financeiro ao tempo que reforza áreas prioritarias como os servizos sociais, cunha dotación global de máis dun millón de euros, e a educación, con axudas ao material escolar, transporte e libros, garantindo o acceso igualitario a estes recursos. O gasto corrente, que supón case o 56% do total, vese incrementado debido ao impacto do IPC e á incorporación de novos contratos esenciais, como o da escola infantil e o servizo de axuda no fogar.
Dentro das actuacións destacadas, resáltanse as obras de renovación de infraestruturas viarias e de saneamento, así como a creación dun xardín no entorno do Pazo de Baldomir, proxecto escollido nos Orzamentos Participativos. O equipo de goberno insiste en que este orzamento combina o investimento en grandes proxectos coa aposta pola calidade dos servizos municipais, reforzando tamén programas de conciliación, igualdade e desenvolvemento económico local.
No pleno deuse tamén lectura dunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, reafirmando o compromiso do Concello coa igualdade e co combate á violencia de xénero. Tamén se deu luz verde, por unanimidade, á modificación da Relación de Postos de Traballo e á actualización da ordenanza reguladora do subministro de auga potable, axustada ao IPC (cos votos a favor do PSOE, AV e BNG e coa abstención do PP).
Por último, realizouse unha declaración conxunta respecto do proxecto de supresión do bypass de Infesta. Todos os grupos votaron a favor dunha proposta presentada polo PSOE e por AV, que incide en que o proxecto de renovación da vía férrea non beneficia en nada a Bergondo, pese a que se ve afectado polo paso desta infraestrutura.