O orzamento municipal supera por primeira vez os 10 millóns de euros

O Concello de Bergondo elevará ao pleno do próximo 27 de novembro o orzamento municipal para o exercicio 2026, que por primeira vez na súa historia supera os 10 millóns de euros, ascendendo concretamente a 10.502.702,63 euros, o que supón un incremento de case 1,1 millóns respecto de 2025.

Desde o goberno local destacan que “neste orzamento facemos un esforzo investidor considerable pero sen desatender á nosa verdadeira filosofía: as políticas que afectan e benefician directamente ás persoas”. “A maior parte dos gastos correntes en realidade son investimentos para os nosos veciños”, indican.

O capítulo de investimentos reais para este ano ascende a 2.118.633 euros, case 1 millón máis que no exercicio actual, e supón un 20,17% do total do orzamento. Entre as actuacións principais destacan:

  • As obras que se pretenden incluír no Plan Único 2026 da Deputación da Coruña, como a mellora de camiños nas diferentes parroquias e a humanización e mellora da seguridade viaria e accesibilidade na praia de Gandarío;

  • A realización dunha senda na subida da praia de Gandarío a Moruxo, proposta gañadora do proceso de Orzamentos Participativos 2026;

  • A execución dun entorno escolar seguro e saudable na escola infantil de Guísamo;

  • Os investimentos en saneamento financiados coa achega de Viaqua como concesionaria do servizo de auga, saneamento e depuración, xa que a prórroga do contrato implicou tamén a das obrigas da empresa, entre elas financiar investimentos relativos ao ciclo da auga.

O gasto corrente supón case o 52% do orzamento, incluíndo o custo de contratos esenciais como os de auga, limpeza de edificios e servizos sociais.
Neste último ámbito reforzáronse os contratos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de Envellecemento Activo, co obxectivo de ofrecer ás persoas maiores espazos que melloren a súa calidade de vida e o seu tempo de lecer.

Así mesmo, increméntase a partida de Turismo para, entre outras actuacións, poñer en valor o patrimonio do Concello en xeral e, concretamente, os 900 anos do Mosteiro de San Salvador de Bergondo.
Mantense tamén o compromiso cos programas de igualdade, vinculados ao Pacto contra a Violencia de Xénero.

Desde o goberno local lembran ademais que, como ocorre en todos os exercicios, este é un documento vivo, ao que poderán incorporarse créditos a medida que se reciban subvencións doutras administracións ou se aproben suplementos de crédito mediante o remanente de tesouraría, segundo permita a lexislación.


Continúa a aposta polas persoas

O orzamento mantén unha importante inversión nos programas de Servizos Sociais, consignándose 1.029.600 euros á aplicación que recolle a dependencia, o que supón un 19% do gasto corrente.
O SAF representa un gran esforzo para os concellos, que asumen competencias que non lles son propias para financiar un servizo de enorme transcendencia para a cidadanía.

Por outra banda, a contía para as actividades de Envellecemento Activo, Universo Diverso e outras accións vinculadas aos Servizos Sociais ascende a 260.000 euros; prevense 100.000 euros para Cultura; 120.000 euros para Deportes; e o programa de corresponsabilidade e conciliación acada os 155.000 euros.

En canto ás transferencias correntes, destínanse 40.000 euros ás axudas de emerxencia social, 15.000 euros ás de enerxía térmica e pago da vivenda habitual, ademais doutras relacionadas co ámbito educativo (bolsas de estudo, axudas ao transporte, premios culturais) e axudas a deportistas individuais e comisións de festas.

“Estes son servizos que incrementan en gran medida o capítulo de gasto corrente, sendo en realidade políticas que invisten na calidade de vida da veciñanza e na aposta polo factor humano en todas as súas vertentes e ámbitos”, explican desde o goberno local.


Fomentando a relación co noso entorno

Ao longo do ano, o Concello relaciónase con entidades e asociacións que, entre todas, conforman a identidade e o día a día do municipio.
A colaboración materialízase mediante diferentes subvencións nominativas, que contribúen a financiar a súa actividade e desenvolvemento.
Así, destínanse 151.100 euros aos convenios con entidades educativas, sociais ou de impulso da actividade empresarial.