O Mosteiro de San Salvador revive os seus días de gloria na Cea Medieval para celebrar o seu 900 aniversario

O Concello de Bergondo celebrou hoxe, xoves 23 de xullo, un dos actos principais da súa programación especial baixo o lema “900 Anos de memoria en pedra”. O Mosteiro de San Salvador viaxou no tempo para acoller unha gran Cea Medieval, un evento que resultou ser un éxito rotundo de participación grazas á asistencia de 120 persoas que gozaron do máxico ambiente histórico recreado nun marco incomparable como é o claustro do convento.

A data escollida para esta celebración ten un simbolismo histórico fundamental. O evento tivo lugar o día exacto no que se cumpren 900 anos desde o 23 de xullo de 1126, momento no que a condesa Maior Roderici, da histórica Casa de Traba, emitiu o primeiro documento escrito que se conserva deste mosteiro. Este valioso pergamiño é custodiado hoxe en día pola Real Academia Galega.

Para revivir este fito, a xornada festiva comezou ás 18:00 horas coa representación da obra ‘Reino de Galicia a escena’, a cargo da compañía Galeatro. Esta peza teatral, que serviu de antesala ao banquete, logrou reunir a 160 espectadores para presenciar a escenificación maxistral dos feitos ocorridos hai nove séculos arredor da figura da condesa e daquel primeiro documento.

Unha inmersión histórica completa

Posteriormente, a partir das 21:30 horas, a celebración trasladouse ao claustro para dar comezo á cea. O éxito da convocatoria viuse respaldado pola implicación dos asistentes, que acudiron vestidos de época para somerxerse por completo no ambiente da época. Boa parte deles puideron caracterizarse grazas ao servizo de alugueiro de traxes facilitado os días previos no propio recinto.

Os 120 comensais puideron gozar dun menú tradicional composto por churrasco e cabrito ao espeto (con opción adaptada para o público infantil). A velada estivo amenizada en todo momento pola actuación en directo do grupo Pansenfron, que se encargou de poñer a nota musical á noite.

Ademais, o Concello de Bergondo dispuxo dun servizo de animación durante o transcurso de ambas as dúas actividades, garantindo a diversión dos nenos e nenas a través de obradoiros e xogos populares e facilitando así a conciliación familiar.

Desde o goberno local valoran moi positivamente a acollida desta cita, destacando que o marco espectacular do claustro, sumado á alta participación veciñal, fixeron deste 900 aniversario unha data verdadeiramente inesquecible para a historia de Bergondo.