O goberno local levará a pleno un suplemento de crédito de 1.136.000 euros para investimentos

O goberno local de Bergondo levará ao próximo pleno, que se celebrará este xoves, 30 de maio, un suplemento de crédito de 1.136.256,6 euros para acometer investimentos necesarios en ámbitos como a seguridade viaria, abastecemento, alumeado, instalacións escolares e deportivas, ou o acondicionamento de estradas.

Dividindo esta cantidade nos diferentes apartados de inversión, a maior partida irá a renovación de estradas e accesos a núcleos de poboación, así como actuacións relacionadas coa seguridade peonil. Concretamente acondicionarase as marxes da travesía de San Cidre; crearase unha senda no casal e outra no polígono de Bergondo; substituirase as varandas na rotonda da AC-162; e executaranse beirarrúas na rotonda dos Condes.

No apartado de abastecemento, destinaranse 177.830 euros a melloras na rede na zona do polígono de Bergondo, concretamente nas rúas Parroquia de Guísamo e Parroquia de Lubre.

Tamén se investirán 30.426 euros en reforzar o alumeado público en Vixoi; 83.552 na adecuación do peche e as zonas verdes da Escola Infantil de Guísamo; e 125.055 á pavimentación, peche e iluminación da pista polideportiva de Ouces. Por último, tamén se comprarán e instalarán varias marquesiñas de autobús, unha actuación enmarcada no plan de mellora do mobiliario urbano.

Que a modificación orzamentaria conteña varias actuacións en seguridade demostra que a cuestión da seguridade viaria, especialmente a dos e das peóns, é unha das prioridades para o goberno local bergondés.

Dende o executivo municipal destacan que “todas estas actuacións son necesarias para que Bergondo continúe avanzando”. O seu principal obxectivo, salientan, é “mellorar as infraestruturas básicas das que debe dispoñer un concello para ser atractivo para a súa veciñanza actual e para atraer a futuros veciños e veciñas, ao tempo que melloramos a calidade de vida da poboación”.