A XXV edición do festival Guísamo Folk xa está aquí. Este evento, xa consolidado no panorama cultural da provincia, celebrarase este ano o sábado 22 de agosto no Campo da Feira de Guísamo e, para celebrar por todo o alto os seus 25 anos de vida, contará co seu cartel de concertos máis amplo coa presenza de 6 grupos e cun horario ampliado, coa previsión de comezar coa música xa pola mañá.
O festival conta cun cartel de luxo, encabezado por dúas das formacións máis lendarias da música de raíz galega. Por unha banda, Luar na Lubre, a banda galega de estilo folk celta máis internacional, que co seu regreso a Guísamo pechará un círculo xa que actuaron na primeira edición do festival organizada polo Concello hai 25 anos. Por outra Treixadura, que encherá o recinto co seu potente directo baseado no canto tradicional e na música popular.
Xunto a eles estará tamén Radio Cos. O proxecto liderado por Quique Peón e Xurxo Fernandes é un referente na evolución e posta en valor da música e percusión tradicional galega. A eles sumarase a frescura de Alana, que fusiona a música tradicional e o folk con ritmos electrónicos, e a enerxía de The Rapants, unha das bandas galegas do momento, que achegará os seus ritmos indie e garage para enriquecer a variedade musical da xornada.
O toque local desta edición tan especial correrá a cargo da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, baixo a dirección de Pedro Lamas, demostrando o talento e o profundo arraigo cultural que existe no municipio.
Nas próximas semanas anunciaranse os horarios dos diferentes concertos e tamén se darán a coñecer o resto de actividades paralelas do festival, como o xantar popular ou os obradoiros e actividades para os máis pequenos.
Desde o Concello de Bergondo agardan que o festival volva ser todo un éxito, pois xa é un evento totalmente consolidado. “Intentamos, como xa fixemos doutras veces, abarcar diferentes gustos musicais e ademais este ano, no que celebramos o 25 aniversario, quixemos traer algúns grupos, como é o caso de Luar na Lubre, que estiveron connosco nalgunha das edicións”, explican. Así mesmo, non se esquecen de agradecer a veciños e veciñas, que sempre colaboran para que o festival sexa todo un éxito.
