O executivo bergondés busca a luz verde do pleno para a quinta fase do plan de saneamento municipal

O executivo local de Bergondo, liderado por Alejandra Pérez Máquez, propoñerá á corporación a aprobación inicial da quinta fase do plan de saneamento do municipio, que contempla actuacións por valor de máis de 300.000 euros.

Así, o goberno bergondés busca o beneplácito do pleno, que se celebra mañá, xoves 30 de maio, para sacar adiante dúas acometidas que continuarán co desenvolvemento da rede por todo o municipio. Primeiramente contémplase actuar na zona da Brea – San Paio, un proxecto orzado en 108.939 euros; e o segundo dos proxectos desenvolverase en Fiobre, cun investimento que supera os 191.500 euros.

No primeiro caso, executarase unha nova rede de saneamento que una as xa existentes en ambos os núcleos, continuando a extensión do servizo. Por outra banda, unha parte da aldea de Fiobre non conta na actualidade cunha rede de saneamento, polo que se proxecta unha nova rede que recolla as futuras acometidas ás vivendas existentes nesa zona carente a día de hoxe. Ademais, procederase á renovación das redes de recollida de augas pluviais e abastecemento de augas.

Desde o goberno local sinalan que “este tipo de infraestruturas son moi importantes para os veciños e veciñas de Bergondo” e afirman que “seguimos traballando noutros novos proxectos de saneamento en diferentes parroquias do concello para continuar mellorando a súa calidade de vida”. Por exemplo, xa está en marcha o proceso de contratación nas zonas de Covas e Outeiros, ademais doutros proxectos que xa están en marcha como o que se está acometendo na contorna de Tatín.