O Concello de Bergondo mantén un forte ritmo inversor para mellorar os servizos e calidade de vida das veciñas e veciños do municipio. Actualmente, o goberno local ten en marcha un total de 11 grandes obras e proxectos de infraestruturas distribuídos polas distintas parroquias que suman un investimento global de 2.210.300 euros.
Trátase da continuación dun esforzo inversor sostido no tempo, co obxectivo de modernizar os espazos públicos, incrementar a seguridade viaria e garantir unhas instalacións municipais óptimas para o conxunto da sociedade bergondesa.
Entre os proxectos con maior volume de investimento destaca a creación das novas beirarrúas na Lagoa, cun orzamento superior ao medio millón de euros (512.849 euros), unha obra fundamental para garantir a seguridade peonil na zona. Séguelle a renovación da travesía de San Cidre, unha actuación estratéxica cifrada en 317.594 euros para mellorar a seguridade dos peóns e transformar a contorna do Mosteiro de San Salvador e do cemiterio parroquial en espazos máis accesibles e funcionais.
Este plan de obras tamén pon o foco no mantemento e modernización dos centros sociais: 275.106 euros para o de Mariñán, 161.957 euros para o de Santa Marta (ademais de 25.869 euros específicos para renovar a súa cuberta) e 130.706 euros para o de Cangas. A estas intervencións súmase a reforma do edificio de Servizos Sociais, cunha achega de 225.348 euros, así como a mellora do parque e a praza de Santa Marta (122.462 euros).
No ámbito das infraestruturas básicas e a conectividade, o goberno local continúa avanzando no seu compromiso de renovar a rede viaria municipal. Para iso, está en marcha un plan de renovación de camiños en todas as parroquias valorado en 220.948 euros, ao que se engaden actuacións específicas como a mellora da pista de Ouces (67.065 euros). En canto á ampliación da rede de saneamento, nestes intres trabállase na mellora desta infraestrutura en Outeiro, unhas obras que contan cun investimento de 150.389 euros.
Desde o goberno local sinalan a importancia deste esforzo inversor para o futuro do municipio: “a nosa prioridade é que Bergondo medre de forma ordenada e sostible. Ter nestes momentos máis de 2,2 millóns de euros mobilizados en 11 obras simultáneas demostra o compromiso deste goberno por ofrecer as mellores infraestruturas e servizos ás nosas veciñas e veciños, vivan na parroquia que vivan”.
Ademais, remarcan que este ritmo de execución non se deterá, xa que “algunhas destas obras que agora están en marcha están a piques de rematar e xa temos outros proxectos en licitación”.
