O Concello de Bergondo mostra o seu rotundo rexeitamento ao proxecto anunciado polo Goberno de España para a supresión do baipás de Infesta, en Betanzos. Fíxoo onte, xoves 27 de novembro, durante o pleno municipal a través dunha declaración institucional asinada por todos os grupos que forman a corporación.
No texto sinálase que “somos plenamente conscientes da tremenda importancia de calquera proxecto que incida na mellora da mobilidade e transporte por ferrocarril para as cidades de Ferrol e A Coruña” pero “tamén somos conscientes que non deben ser sempre os mesmos vos que paguen os custos destas melloras”.
“Bergondo atópase a día de hoxe afectado de xeito importante pola vía férrea ao seu paso polos núcleos de Guísamo e Cortiñán, sen obter beneficio algún por estas afeccións” e “o futuro proxecto terá consecuencias de semellante calibre para vos veciños e veciñas de Cortiñán, véndose perxudicados por un desdobramento da vía férrea, padecendo afeccións a nivel urbanístico e no que a ruídos e vibracións respecta”, explican.
Ademais, tamén se indica que o actual proxecto non contempla “ningunha das reclamacións históricas en materia ferroviaria realizadas por este consistorio como poden ser: a reapertura do apeadoiro de Guísamo, a mellora do túnel polo que transcorre a DP-0105 ou a mobilidade co polígono de Piadela”.
Por todo isto, o Concello de Bergondo “rexeita con claridade ou proxecto actualmente en trámite de consulta pública” e procede a dar traslado diso ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostible”.