O Concello de Bergondo remitiu formalmente á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o Plan Director para a construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-164 (Guísamo – Ínsua), que comunica A Coruña con Ferrol, e que cifra a intervención global en 1,58 millóns de euros divididos en catro fases.
Con este paso, o goberno local cumpre co compromiso adquirido na reunión mantida o pasado 15 de abril de 2025 entre a alcaldesa e a conselleira, María Martínez Allegue, onde se acordou que o Concello se encargaría de realizar o estudo previo para definir os tramos e custos da obra.
No escrito enviado á Xunta, solicítase que, dentro do proxecto global, se priorice e se execute nunha primeira actuación o denominado ‘Tramo 4’, cuxo orzamento ascende a 531.269,58 euros. O goberno local xustifica esta petición baseándose na necesidade de dar continuidade ás beirarrúas xa existentes e garantir un acceso seguro aos servizos públicos básicos para os veciños e veciñas da zona da Costa de Santa Marta. Ademais, esta solicitude recolle o sentir dos residentes da zona, quen rexistraron peticións paralelas no Concello demandando esta infraestrutura básica.
Unha vía estrutural con alto risco para os peóns
A AC-164 é unha estrada de carácter estruturante que conecta A Coruña con Ferrol e soporta unha Intensidade Media Diaria (IMD) superior aos 12.000 vehículos. Actualmente, o viario carece de zonas seguras para o tránsito peonil nos tramos de Bergondo, obrigando aos viandantes a camiñar por beiravías de apenas un metro de ancho, o que supón un grave problema de seguridade viaria.
O Concello lembra que esta vía vertebra o municipio, xa que nas súas marxes se sitúan os principais servizos municipais, como a Casa Consistorial, a oficina de Correos, o centro de saúde e entidades bancarias, o que xera un fluxo constante de veciños que acceden a eles a pé. Así mesmo, é unha ruta moi frecuentada por clubs ciclistas.
Detalles do Plan Director
O documento técnico presentado polo Concello divide a actuación integral en catro tramos diferenciados, cun orzamento total estimado en 1.587.315,77 euros. A desagregación orzamentaria é a seguinte:
- Tramo 1: 511.202,86 €
- Tramo 2: 92.366,05 €
- Tramo 3: 199.040,31 €
- Tramo 4: 531.269,58 € solicitado prioritariamente)
Investimentos municipais en seguridade viaria
O Concello de Bergondo reiterou o seu compromiso coa mellora da mobilidade peonil, destacando os investimentos realizados con fondos propios en zonas de afección de estradas autonómicas.
Entre as actuacións máis recentes atópanse a construción da senda peonil e servizos na AC-214 en Guísamo (392.661 €), as beirarrúas na Rotonda dos Condes (125.740 €) e a senda peonil do Polígono na marxe da AC-164 (276.487 €). Ademais, o goberno local planea incorporar no Plan Único de 2026 novas beirarrúas na AC-214 por valor de 164.800 euros.
Desde a administración local confían en que a Consellería atenda esta demanda “básica, necesaria e xusta” para mellorar a seguridade de peóns e condutores no municipio.