O Concello reivindica o talento e a historia das súas veciñas co gran encontro comunitario #BeFest2026

“Bergondo volve celebrar en feminino, e este ano queremos facelo con toda a xente”. Baixo esta premisa, e como parte do programa municipal Bergondo en Feminino, o Concello organizou para o vindeiro venres 29 de maio o #BeFest2026, unha gran festa comunitaria deseñada para celebrar a memoria, a creación e a participación activa das mulleres que construíron e seguen a construír o municipio.

O encontro, que se desenvolverá no Edificio da Senra a partir das 18:00 horas, promete ser unha xornada viva, emocionante e profundamente participativa. O acto principal contará cunha rica programación cultural que entrelazará música, teatro e poesía. Ademais, o escenario servirá para a entrega dos Premios BeF, uns galardóns destinados a visibilizar historias locais que merecen ser contadas e a poñer en valor a memoria colectiva do municipio.

Foliada aberta e gastronomía local

Unha vez finalizado o acto central, o espírito do #BeFest2026 continuará cunha celebración conxunta para fomentar a unión veciñal. A organización preparou unha “foliada aberta” que estará amenizada polas agrupacións Cantareiras da Revolteira e Non fagas ruído. O obxectivo é que todos os asistentes se animen a cantar, tocar, bailar e palmear. Para que ninguén teña escusas á hora de participar, repartiranse letras impresas das cancións entre o público.

Para acompañar esta tarde feita para compartir, a cita contará co sabor da terra. Os asistentes poderán gozar dunha degustación de produtos da Reserva da Biosfera das Mariñas, elaborados e servidos da man da Artesa da Moza Crecha.

Desde o goberno local animan a toda a cidadanía a sumarse a este evento destacando que a iniciativa Bergondo en Feminino non é só un programa institucional, senón que “é memoria viva, é cultura feita entre moitas mans, é encontro e é o orgullo da nosa xente”.