O Concello reclama colaboración á Xunta para resolver o deterioro das beirarrúas e o firme da vía na Lagoa

O Concello de Bergondo reclama colaboración á Xunta de Galicia para resolver, de forma urxente, a visible deterioración que están a sufrir as beirarrúas e o firme na marxe dereita da vía AC-162 ao seu paso por Gandarío, dirección Sada, na zona da Lagoa.

O pasado domingo, 10 de marzo, debido á rotura dunha acometida de auga nese punto, agraváronse os problemas no terreo, que xa eran visibles desde hai anos e que afectan as beirarrúas, que están completamente levantadas, e ao firme da estrada, onde se pode ver xa unha gran fisura.

Esta situación foise xerando, aos poucos, pola continua erosión dos noiros sobre os que se asenta a plataforma. “Só queremos colaboración da Xunta para poder arranxar este problema, a día de hoxe existe unha evidente falta de seguridade nese punto, tanto para peóns como para o tráfico rodado”, explican.

“A situación non é culpa de ningunha administración, simplemente está causada polo paso do tempo, pero si que é necesario que actuemos de xeito conxunto para dar unha solución e que non se agrave, antes de que ocorra algún accidente”, sinalan.

O Concello está a ultimar un proxecto de renovación de beirarrúas pero para poder executalo é necesario que a Xunta de Galicia asegure primeiro a plataforma. “Tivemos conversacións e reunións con eles, nas que nos aseguran que teñen monitorizada a vía e non hai ningún risco, pero os problemas saltan á vista polo que sería imprudente non actuar”, indican desde o goberno local.