O Concello propón unha alternativa “máis xusta” ao proxecto de supresión do baipás de Infesta

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo enviou o pasado venres, 27 de decembro, ao Ministerio de Transportes e á Delegación do Goberno, as alegacións ao ‘Estudo informativo para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León – A Coruña e Betanzos Infesta-Ferrol’, que implicará a supresión do baipás de Infesta, e propón unha alternativa que considera “máis sensata, máis económica e máis xusta”.

En primeiro lugar, no texto presentado déixase claro que o Concello de Bergondo aposta “polo progreso, se se consegue optimizando as comunicacións sostibles sen danar o fogar e a paz dos cidadáns” e manifesta “o seu incuestionable apoio á mellora de toda infraestrutura que supoña un avance nas comunicacións dentro e fóra do municipio, da comarca, da provincia e do país”.

Pero “non compartimos a solución proposta porque afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e ao noso territorio, sendo altamente daniña contra unha zona concreta e afectada da parroquia de Cortiñán”. No documento de alegacións explícase que “aínda que a vía non pasa por encima de moitas vivendas déixaas na zona de servidume do ferrocarril, quedando atrapadas e mutilando o urbanismo nunha zona urbanizada xa que non se poderá construír nada nun futuro”. “Están a transformar ese chan en residual, con propiedades devaluadas ou directamente invendibles, algo que nin é lóxico, nin é humano, nin é politicamente admisible para esta administración”, afirman.

Ademais, tamén se indica que existen alternativas máis económicas á elixida pola administración, que “é moi cara, non só debido á elección de muros de contención pilotados ou ás elevadas lonxitudes dos viadutos, ou aos tipos de tipoloxías estruturais elixidas, senón porque se precisan realizar expropiacións moi importantes”. “Propoñemos aforrar muros de contención de recheos, e os seus pilotes de cimentación. Preferimos os recheos naturais, con noiros estables, que ademais son, casualmente, máis económicos. Tamén preferimos afectar a polígonos industriais e non aos nosos veciños e veciñas, que xa pensan en vender as súas vivendas, a pesar de cumprir a servidume dos 50 metros”, salientan.

Alternativa 5S

A alternativa proposta polo Concello de Bergondo, que denomina ‘5S’, supón unha adaptación dos trazados estudados nas alternativas 5 e 6 da administración estatal. Así, recolle un primeiro tramo xa contemplado na alternativa 5, modificándoo economicamente ao trasladar o entroque coa vía existente para suprimir un primeiro viaduto innecesario sobre a estrada provincial; modifícase a continuación o trazado posterior; e, por último, entróncase co último tramo estudado da alternativa 6.

“Parécenos máis sinxela, máis social, moito máis económica, con menos expropiacións, afastada da zona urbana e afectando só, e de forma pouco destacable, a unha zona industrial”, explican.

Ademais de afastar o trazado das edificacións existentes, coa solución proposta minóranse moito os viadutos. Non sería necesario o primeiro viaduto sobre a estrada DP-0105 xa que a bifurcación da vía realizaríase uns metros máis adiante, en campo aberto. Tan só na zona ocupada por Talleres Suárez e Loureda hai que proxectar un viaduto, máis económico, e tamén unha ponte para cruzar a N-VI.

A conclusión á que chegan desde o Concello é que “con esta solución non se deixan vivendas capadas e atrapadas na zona de servidume do ferrocarril, nin se expropian propiedades privativas de cidadáns, que tampouco ven afectadas polo son do tren, xa que as actuacións trasládanse ás zonas forestais ou industriais, sen afección da paz precisa nos fogares. A solución é máis sensata, máis económica, e máis xusta. O efecto é triplo, o económico, a protección do cidadán e a protección do territorio de Bergondo”.

Por todo iso, reitérase o rexeitamento á alternativa 6 que se somete a información e solicítase que se analice co maior detalle a alternativa 5S proposta polo Concello de Bergondo, “que é menos lesiva e moito máis barata”.