O Concello presenta a súa nova guía no Mosteiro de San Salvador, epicentro do seu patrimonio histórico

O Concello de Bergondo presentou a súa nova guía, “Bergondo, naturalmente: guía para coñecer o noso concello”, unha publicación destinada a dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e culturais do municipio.

A publicación, editada polo Concello, recolle información sobre o patrimonio histórico-artístico, a natureza, as rutas de sendeirismo, as praias, as festas populares e os servizos municipais, cun enfoque divulgativo e visual que busca facilitar a visita e o coñecemento do territorio.

O acto tivo lugar no Mosteiro de San Salvador de Bergondo, un dos emblemas do patrimonio local, dentro dunha estratexia municipal que busca reforzar a súa posta en valor de cara ao 900 aniversario da sinatura do documento fundacional do mosteiro, que se conmemorará en 2026. Ademais, nos vindeiros meses levaranse a cabo actuacións de mellora do seu contorno e dos accesos, actualmente en proceso de licitación.

A presentación correu a cargo da alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e da concelleira de Turismo, Pilar Barja, quen destacaron a importancia desta nova guía como ferramenta para achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a riqueza patrimonial, paisaxística e cultural do municipio.

“Bergondo é un concello cunha gran historia e cun entorno natural e humano que merece ser coñecido e desfrutado. Esta guía pretende ser unha invitación a descubrir todo o que somos e todo o que temos que ofrecer”, sinalou a alcaldesa durante o acto.

“Queremos que o Mosteiro de San Salvador volva ocupar o lugar que lle corresponde na historia de Bergondo e de Galicia. Este aniversario dos 900 anos será unha oportunidade única para facelo visible e proxectalo cara ao futuro”, engadiu a concelleira de Turismo.

A guía estará dispoñible en formato impreso e dixital na páxina web municipal e nos principais puntos de información turística do concello. Ademais, repartirase en todos os fogares do municipio.