Saber xestionar as emocións antes dun exame ou administrar mellor o estrés durante o estudo son factores clave á hora de obter bos resultados académicos. Para axudar ao estudantado bergondés, a área de Servizos Sociais do Concello pon en marcha o “Curso sen ansiedade”, un taller que axudará aos mozos e mozas a lidar coas súas emocións durante o seu proceso formativo.
Está dirixido aos e ás estudantes de ESO e Bacharelato e o obxectivo desta formación é darlle ferramentas para, por exemplo, xestionar mellor a frustración dos estudos, a calmarse antes dun exame ou a aumentar o seu nivel de concentración mentres estudan.
Celebraranse seis sesións os días 20, 22, 27 e 29 de agosto e 3 e 5 de setembro en horario de 11:00 a 12:30 horas na Casa da Xuventude Jacinta Landa Vaz. Estarán impartidas pola experta Rosalía Bermúdez, formada na técnica do mindfulness. Ademais, esta iniciativa é totalmente gratuíta.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe de WhatsApp antes do 14 de agosto ao teléfono 629 104 568. Para máis información, pode chamarse ao teléfono do departamento de Servizos Sociais: 981 791 252 ext.4.