O Concello organiza unha excursión a Ponferrada e Molinaseca

O Concello de Bergondo, no marco da súa programación de viaxes socioculturais para a veciñanza do municipio, organiza o próximo día 11 de maio unha saída a Ponferrada e Molinaseca.

Dirixida a calquera residente maior de 18 anos (os menores poderán apuntarse sempre que vaian acompañados dun adulto), a expedición partirá da Casa do Concello bergondesa ás 8:00 horas, e regresará sobre as 22:00 horas dese mesmo día.

No itinerario contémplase a visita ao Castelo dos Templarios, unha fortaleza de orixe prehistórica e que está considerado como un dos máis notables do noroeste español, sendo declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) e Monumento Nacional hai un século (1924). Ademais, tamén se poderá pasear polos cascos históricos das dúas poboacións leonesas.

O período de inscrición ábrese hoxe, martes 16 de abril, e estará aberto ata mañá, mércores 17. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán chamar ao 981 791 252 ext.7 ou encher o seguinte formulario. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, este venres, 19 de abril, realizarase un sorteo ás 10:30 horas na Casa da Cultura.

O prezo da viaxe é de 20 euros e o pago deberá realizarse entre os días 25 e 26 de abril.