O Concello leva a pleno a aprobación definitiva do Plan Especial do Río Maior

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo levará este xoves a un pleno extraordinario a aprobación definitiva do Plan Especial do Río Maior, na parroquia de Lubre, un proxecto que suporá a construción do Paseo Fluvial do Río Maior e permitirá poñer en funcionamento a rede de saneamento da zona.

O Concello dá este paso tras recibir un informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, o último trámite necesario antes de proceder á aprobación definitiva, o proceso de expropiación, a redacción do proxecto construtivo e a posterior licitación das obras.

A través deste Plan poñerase en marcha a rede de saneamento da parroquia de Lubre, coa construción de tres novos colectores que completarán a rede de augas residuais da zona —formada por outros sete colectores xa executados— e que permitirán a súa posta en servizo, conducindo as augas residuais ata a EDAR de Gandarío.

Ademais, proxéctase unha senda fluvial que comunicará os lugares de Agrumias e Cambade, na parroquia de Lubre, cun trazado duns 2.184 metros de lonxitude. Este paseo, que se executará en madeira laminada de piñeiro tratado, converterase nun novo espazo de lecer para as veciñas e veciños da zona e nun atractivo turístico para o municipio.

Tamén se procederá á restauración ambiental do ámbito, afectado pola presión urbanística dos últimos anos, e incluiranse medidas para reducir o risco de inundación en dous puntos identificados como especialmente sensibles.