Tras ter coñecemento da realización de varias actuacións ilegais no montes, o Concello de Bergondo investiga dous recheos ilegais realizados en Santa Marta e Obra de Paño, que se realizaron sen ter as preceptivas autorizacións municipais.
No caso de Santa Marta, foi o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), en colaboración co Concello, o que remitiu á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) varios informes (un deles da Policía Local bergondesa) nos que se expón a infracción por parte do autor, que non contaba coa licencia para efectuar este tipo de traballos. Ademais, este recheo provocou que se tape un camiño público que atravesa a zona afectada.
En canto ao recheo de Obra de Paño, o Concello enviou á APLU un informe da Policía Local no que se detalla que se está a realziar un recheo non autorizado, pois o promotor tan só tiña permiso para a construción dun peche. Ademais, remitiuse ao infractor un decreto no que se ordena a paralización inmediata da obra, a retirada da maquinaria e avísaselle de que se informará á APLU por se este órgano considera oportuno instruír un expediente sancionador.
Cabe destacar que este proceso realízase ao ter o Concello de Bergondo as competencias delegadas na institución autonómica sobre este tipo de actuacións, unha práctica habitual na maioría de concellos galegos.
Dende o goberno local subliñan que “seremos implacables con este tipo de cuestións”. Fan fincapé en que “calquera tipo de actuación que se realice debe contar coas autorizacións pertinentes e adecuarse á condicións establecidas en ditos documentos previos”.