O Concello inicia a actuación de urxencia na beirarrúa da AC-162 na Lagoa

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Bergondo

O Concello de Bergondo comezou esta semana as obras de reparación do tramo da marxe esquerda da estrada AC-162 á altura da Lagoa, xusto á beira da praia de Gandarío. Esta actuación dá resposta ao colapso da beirarrúa producido fai algo máis dun ano e ten como obxectivo garantir a seguridade dos peóns que transitan habitualmente por esta zona, que permanece valada desde entón.

Os traballos consisten na recuperación da estrutura do bordo da vía, a reposición da beirarrúa afectada e a mellora da estabilidade do terreo, que quedou comprometida tras o afundimento.

Desde o goberno local subliñan que esta obra é complementaria ao proxecto de medio millón de euros que o Concello incluíu no Plan Único (POS+) 2025 da Deputación da Coruña. Este segundo proxecto ten un alcance moito maior e incluirá a renovación integral de todos os servizos (abastecemento, saneamento, iluminación pública etc.)/ etc.) nun tramo máis extenso da AC-162, ata o límite co municipio de Sada.

“O inicio desta obra responde a unha necesidade urxente en materia de seguridade peonil, mentres seguimos avanzando na planificación dunha reforma integral da zona”, indican desde o goberno local. “A reparación que agora se pon en marcha era un compromiso adquirido cos veciños e veciñas e supón un paso máis na mellora da mobilidade e a seguridade viaria no municipio”.

As obras terán unha duración aproximada de dúas semanas, salvo imprevistos técnicos ou meteorolóxicos, e non afectarán o tráfico rodado na vía principal. O Concello agradece a comprensión da cidadanía polas posibles molestias puntuais que poidan ocasionarse durante a súa execución.