O Concello de Bergondo finalizou as obras de acondicionamento e creación dunha senda peonil desde a entrada do Polígono, en Santa Marta, ata a nova glorieta da N-6.
Este proxecto naceu a partir dunha proposta presentada pola Asociación de Empresarios de Bergondo que resultou gañadora do proceso de orzamentos participativos de 2024 impulsado polo goberno local. A actuación contou cun orzamento total de 276.488 euros e está financiada integramente con fondos municipais.
Os traballos permitiron executar unha senda dunha lonxitude de 600 metros e 2 metros de ancho na que se alternan pavimentos de solo cemento e zonas de formigón drenante para facilitar a asimilación das augas de escorrentía nas zonas máis deprimidas.
Ademais, deixouse un sobreancho de 50 centímetros a cada lado cun sementeiro de céspede para axudar a regular a filtración de auga ao terreo. Tamén se habilitou unha gabia na que se instalaron as canalizacións necesarias para aumentar a rede de iluminación existente.