O Concello executa máis de medio millón de euros en proxectos entre San Fiz e Miodelo

  • Publicación da entrada:
  • Categoría da entrada:Concello

O Concello de Bergondo ten en marcha actualmente tres proxectos de mellora de diferentes infraestruturas na zona entre San Fiz (Vixoi) e Miodelo (San Salvador-Bergondo) que, entre todos, alcanzan un investimento total de 567.997 euros.

Por unha banda, a actuación máis ambiciosa é a creación dunha senda peonil e o acondicionamento das marxes da estrada que une Miodelo con San Fiz ata a CP-0801. Esta iniciativa, incluída no Plan Único da Deputación da Coruña, e que conta cun orzamento de case 470.000 euros, ten como principal obxectivo mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nun tramo de especial importancia para a mobilidade dentro do municipio.

O proxecto contempla a instalación dunha nova rede de pluviais nas marxes de actuación, en substitución das actuais cunetas de terra. Ademais, levarase a cabo a reposición de pavimentos e a mellora de accesos, incluíndo a instalación de pavimento de formigón e adoquín en determinadas zonas co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns, obrigando os vehículos a reducir a velocidade. Tamén se reforzará a sinalización e implantaranse medidas de seguridade adicionais.

Ademais, iniciáronse os traballos de limpeza do cauce do río en Miodelo, unha actuación que permitirá recuperar a capacidade de desaugadoiro e solucionar os desbordamentos que se producen puntualmente en épocas de choiva. O proxecto, cun orzamento total de 62.493 euros, estase a levar a cabo concretamente na desembocadura dos ríos Callou e Miodelo no Xaralleira.
Os tramos afectados son:

  • 240 metros no río de Xaralleira

  • 115 metros no río de Callou

  • 25 metros no río de Miodelo

Os traballos, que se están a executar, inclúen a limpeza manual da maleza invasora das ribeiras e marxes dos tres regatos e a retirada dos lodos e sedimentos do leito e das ribeiras, xunto cos restos de maleza acumulados. A continuación, retiraranse os residuos xerados, que serán xestionados nunha planta autorizada.

Por último, están a piques de finalizar as obras de mellora da rede de pluviais en Pisón, co obxectivo de solucionar os problemas de escorrentía na plataforma que se sofren especialmente durante as épocas de choiva. Deste modo, estase a executar un colector principal ao que se conectarán os elementos dispostos para o drenaxe a través de arquetas.