O Concello de Bergondo, xunto con outras administracións e colaboradores, homenaxeará este domingo, 19 de outubro, a Florencio Vaamonde Lores no ano do centenario do seu falecemento. O acto comezará ás 10:00 horas na capela de San Gregorio (Ouces) e rematará no auditorio da Senra arredor das 14:00 horas.
Así, ás 10:00 horas celebrarase unha misa en memoria de Florencio Vaamonde na capela de San Gregorio. Ao rematar, arredor das 10:30 horas, realizarase unha ruta literaria pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento do autor. O percorrido, de preto de 4 quilómetros, visitará diferentes lugares significativos da súa vida como a Casa Grande dos Vaamonde, a fonte do Pincho, o Centro Social Antonio Pato Pardo (antiga escola), o castro de Reboredo e a igrexa de San Xoán de Ouces. O Concello habilitará un autobús para aquelas persoas que non poidan seguir o itinerario a pé.
Ás 12:15 horas celebrarase un acto institucional de homenaxe con ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces. A continuación, ás 13:00 horas, no auditorio da Senra, terá lugar un coloquio con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
Para rematar a xornada, haberá unha actuación musical de Manoel de Felisa e petiscos para as persoas asistentes.

Ano Florencio Vaamonde
O Concello de Bergondo declarou o ano 2025 como Ano Florencio Vaamonde Lores, en homenaxe a unha das figuras máis relevantes da literatura galega do século XIX, nado na parroquia de San Xoán de Ouces o 2 de abril de 1860.
O goberno local continúa así co seu proxecto de poñer en valor autores e autoras ilustres vinculados co municipio, despois de celebrar no 2024 o Ano Xoán Vicente Viqueira. Está previsto que no 2026 as figuras homenaxeadas sexan Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín.
Co obxectivo de destacar a obra de Florencio Vaamonde Lores, creouse un imagotipo específico, que se utiliza desde o 1 de xaneiro de 2025 en todas as comunicacións oficiais do Concello de Bergondo.
O deseño do imagotipo realizouse coa intención de evocar, a través de elementos visuais, a esencia da época na que viviu o autor, o seu estilo e legado cultural. Para iso empregouse unha tipografía serifa, que reforza esa conexión cultural, e representouse, mediante un símbolo, o autor sentado, nunha posición serena e reflexiva, evocando o seu intelecto e o contexto cultural galego no que se movía. Conxuntamente, estes elementos comunican con forza a esencia do personaxe homenaxeado e o seu legado, creando unha identidade visual sólida.
Florencio Vaamonde Lores
Criado no seo dunha familia nobre, Florencio Vaamonde pasou a súa infancia entre San Xoán de Ouces e A Coruña, onde traballou como funcionario de Facenda e dedicou o seu tempo a consolidar as letras galegas e dignificar a lingua nacional.
En 1897 participou na fundación da Liga Gallega, unha organización política presidida por Manuel Murguía e dirixida por un comité formado por Lugrís Freire, Salvador Golpe e Carré Aldao, que redactou os seus estatutos integramente en galego. O 4 de setembro de 1905, Vaamonde Lores participou na fundación da Real Academia Galega. En 1907 contribuíu á constitución de Solidaridad Gallega e, en 1916, participou na fundación das Irmandades da Fala.
Como estudoso, publicou artigos de carácter histórico en diferentes xornais como La Fidelidad, Revista Gallega ou El Tribuno.
Como poeta, continuou a escola formalista liderada por Eduardo Pondal, publicando varios poemarios; e en prosa cultivou a novela de costumes, destacando tamén como un rigoroso ensaísta.