O Concello de Bergondo avanza na súa aposta por promover unhas mellores condicións para o estudantado da localidade coa convocatoria das axudas económicas aos desprazamentos escolares para o próximo curso 2026-2027.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe, mércores 5 de agosto, a convocatoria destas subvencións das cales poderán beneficiarse todos os estudantes empadroados no Concello que cursen: Educación Infantil; Bacharelato; Formación Profesional; ensinanzas de réxime especial; Educación Universitaria; programas internacionais oficiais e outros estudos oficiais homologados.
A presente convocatoria está dotada cun orzamento total que ascende a 15.000,00 euros. Desta cuantía, o importe máximo a percibir por cada persoa beneficiaria será:
Galicia:
De 1 a 3 km: Ata 40 euros.
De 4 a 15 km: Ata 60 euros.
De 16 a 40 km: Ata 80 euros.
De 41 a 80 km: Ata 120 euros.
De 81 a 170 km: Ata 150 euros.
Outras comunidades autónomas: Ata 200 euros.
Programas internacionais oficiais: Ata 600 euros.
As persoas que desexen presentar as súas solicitudes a esta convocatoria poderán facelo desde mañá, xoves 6 de agosto, ata o próximo 9 de outubro.
Podes realizar a solicitude presencialmente, no rexistro xeral ,ou a través da sede electrónica https://sede.bergondo.gal/sxc/es/procedimientosytramites/tramites/SolicitudAyudasTransporteEstudiantes2026-27