O Concello de Bergondo sacou a licitación o proxecto para a renovación de beirarrúas e servizos na estrada AC-162 nun tramo que discorre desde A Lagoa ata o límite con Sada. Esta actuación suporá un investimento de 512.849,65 euros e está incluída no Plan Único da Deputación da Coruña.
O obxectivo da obra é realizar unha reforma integral da zona tras a actuación de urxencia realizada no mes de xuño na marxe esquerda para reparar un pequeno tramo das beirarrúas que colapsara.
Así, os traballos incluirán a renovación da rede de saneamento en todo o tramo entre A Lagoa e o límite con Sada, a substitución da rede de abastecemento existente en ambas as marxes da estrada e a iluminación pública da marxe esquerda.
Ademais, aproveitarase para realizar unha reposición da totalidade das beirarrúas, incluíndo unha zona de pavimento diferenciado a xeito de miradoiro na zona que se corresponde co extremo occidental da praia de Gandarío.
Desde o goberno local destacan a importancia desta obra “que ademais de mellorar a seguridade viaria nun tramo moi transitado, dotará aos veciños e veciñas da zona duns servizos renovados”.